Entroido Ribeirao

Durante o mes de febreiro ten lugar na Ribeira Sacra un dos entroidos ancestrais máis espectaculares de Galicia. Estamos a falar do Entroido Ribeirao que se celebra ano tras ano no Concello de Chantada, en concreto, na parroquia de Santiago da Riba.

O Entroido Ribeirao ten orixes incertas. Esta festa estivo prohibida durante a ditadura franquista; se queredes saber máis sobre o tema recomendámosvos o documental  O Moredo  dirixido por David Vázquez.

A finais dos anos 90, veciños das parroquias ribeirás deciden recuperar esta tradición e créase a Asociación Amigos do Entroido Ribeirao.  Grazas a eles podemos gozar deste marabilloso Entroido na actualidade.

Cando?

As celebracións dan comezo o Domingo Lambedoiro, a este, séguelle o Domingo Corredoiro, no que antes se facían xogos e representacións teatrais satíricas ou oficios. Despois ven o Domingo de Entroido, e, para rematar as celebracións o Martes de Entroido, día no que os volantes, peliqueiros e mecos visitan a vila de Chantada.

Os protagonistas

Os protagonistas principais do Entroido Ribeirao son os Volantes, persoeiros que nos seus inicios ían con roupa interior branca pero mudaron cara  cores vermellas e bandas gualdas. Levan na cintura dous cintos de coiro dos que penden vintecinco campaíñas que fan soar nos seus bailes. Na actualidade, o número de campaíñas depende da idade do volante. Estes volantes levan unha carauta construída con capas de papel de periódico superposto.

Un dos volantes leva o pucho, feito con paus de mimbre. Recóbrese con flores de papel e cólgaselle cintas ou colonias de cores moi chamativas. Normalmente este pucho leva dúas bonecas, unha na parte anterior e outra na posterior.

Os volantes van acompañados dos peliqueiros tamén chamados maragatos, que levan a cara e o corpo  cubertos con pelexos de animais. Tamén van abríndolles paso os mecos, persoeiros vestidos dunha forma descoidada escenificando, a través da mímica, acontecementos da vida cotiá.

Sen dúbida, o Entroido Ribeirao conta con gran orixinalidade.É un plan perfecto para pasar unha tarde de domingo cos cativos, nun entorno inmellorable como é a Ribeira Sacra chantadina.

Share

Libro e CD Infantil da Apalpadora

 

Mergúllate na vida da Apalpadora, da súa vida na montaña e do seu mundo fantástico de lendas galegas.

 

Fala con nós e faite co teu Libro e/ou CD

Scroll Up
×